Sunday 08 de September de 2024

Os tres grupos municipais de San Sadurniño aproban por unanimidade os tres asuntos do pleno deste xoves


O Concello de San Sadurniño celebrou na tarde deste xoves un pleno extraordinario que levaba na súa orde do día tres asuntos principais: a solicitude á Deputación da Coruña dunha subvención nominativa para acometer distintas melloras na piscina municipal, a incorporación ao capítulo de investimentos de algo máis de 235.000 euros procedentes dos remanentes de 2022 e a votación da cualificación como de interese municipal das obras efectuadas por Adiante de Igrexafeita no seu local social, de cara a que a entidade poida beneficiarse dunha bonificación do 50% no imposto de construcións e obras. Todos os puntos aprobáronse por unanimidade da corporación, o que non significa que non houbese debate.

A primeira cuestión tratada foi a de solicitarlle á Deputación unha axuda de 50.000 euros para levar a cabo a reparación integral do vaso da piscina dos Corrás, ademais do seu peche perimetral. Na memoria valorada inclúense tamén arranxos no teito dos vestiarios e no enlousado da zona de baño. O investimento previsto supera os 64.000 euros, de modo que a achega provincial cubrirá máis do 80% do gasto.

O representante do PSOE, Juan Alberto Rivera, aliñouse coa proposta da alcaldía coincidindo na necesidade de facer a obra e de facela durante os meses en que as instalacións non se utilizan. O PP, pola súa banda, tamén subscribiu a proposta, aproveitando a súa quenda de intervención para propor que se corrixan as zonas esvaradías do perímetro e que se amplíe o recinto até as bancadas do campo de fútbol para contar con máis espazo onde tomar o sol.

Tamén houbo acordo dos tres grupos municipais no seguinte asunto do pleno, referido á incorporación de preto de 236.000 euros dos remanentes de 2022 a varias partidas do orzamento, ben para incrementar os fondos consignados inicialmente ou ben para acomodar novos investimentos que non estaban previstos. Así, o montante total destinarase a equipamentos e infraestruturas, como por exemplo a merca de cadeiras novas para a Casa da Cultura, o repintado interior da Casa da Xuventude ou a cobertura orzamentaria da última certificación da obra do saneamento de Silvalonga. O maior importe do incremento económico -174.000 euros- dedicarase ao aglomerado da pista da Veiga-O Castro e a un programa de reparacións noutros camiños municipais.

A oposición municipal saudou a decisión do Executivo local de dedicar os remanentes á rede viaria e a melloras do equipamento municipal máis empregado pola veciñanza. Na proposta de acordo tamén se explicou que 12.000 euros se investirán na compra de xogos para o novo patio cuberto de Educación Infantil que se está construíndo no CPI.

Malia votar a favor, o PP non viu con bos ollos que, unha vez rematado, o espazo sexa de uso público e que estea aberto fóra do horario lectivo do centro, co argumento de que nas mañás dos luns podería aparecer con lixo. O grupo popular tamén criticou o retraso na execución das obras recordando que no pleno de setembro se anunciou a súa finalización para o 10 de outubro.

O Grupo de goberno defendeu o uso público do parque aludindo a que as obras están financiadas pola Xunta de Galicia con cargo a unha liña de axudas cuxa filosofía é apoiar a construción de espazos de encontro infantil e familiar en zonas rurais. Con respecto aos prazos, o BNG explicou que o cobertizo do patio xa está executado e que os traballos no recinto se viron ralentizados pola irrupción das chuvias, que incidiron negativamente no estendido do pavimento de caucho. O Executivo tamén aclarou que tanto a obra estrutural como a instalación de novos xogos son actuacións consensuadas coa dirección do centro de ensino.